Microrreserva de Xilófagos Ameazados

No último medio século as vacalouras, e outros grandes coleópteros, teñen sufrido unha progresiva diminución da súa distribución en gran parte de Europa. Este descenso do número de poboacións está ligada a desaparición de masas de árbores caducifolias naturais de onde son propios. A estreita relación entre fragas e estes coleópteros é debida a que as larvas se desenvolven obrigatoriamente sobre madeira morta de carballos.

A situación de enrarecemento e extincións locais fixo que estes coleópteros fosen considerados como de interese comunitario e que algúns dos espazos naturais onde subsisten aínda entrasen a formar parte da Rede Natura 2000. Nestes espazos galegos existen alomenos tres especies de escaravellos que é necesario protexer: a vacaloura (Lucanus cervus), o capricornio (Ergates faber) e o lonxicornio (Criboleptura stragulata).

Para garantir a disponibilidade de madeira axeitada para o desenvolvemento das larvas instaláronse os “Microhábitats de Xilófagos Ameazados” en distintos puntos da Rede Natura 2000 en Galicia.

As microrreservas consistiron na introdución nos espazos naturais seleccionados de troncos de carballo e castiñeiro en pequenos espazos acoutados mediante un peche perimetral. A maior parte do volume de madeira foi situada baixo o nivel do chan xa que as eirugas dos grandes escaravellos aliméntanse principalmente da madeira en descomposición en contacto coa terra. Estes pequenos espazos acoutados contan tamén con paneis interpretativos onde se explica a necesidade destas pirámides de madeira morta e da importancia e necesidade de conservación que teñen os lucánidos e outros grandes escaravellos forestais en Europa.

Outras especies que se benefician da presenza destas microrreservas son Prionus coriarius, Arhopalus ferus, Arhopalus rusticus, Tomicus piniperda, Dorcus parallelipipedus, Spondylis buprestoides, Buprestis octoguttata e Buprestis novemmaculata.

Ano

2008

Tipoloxía

Cliente

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Xunta de Galicia