O proxecto tivo como obxectivo dar a coñecer os principais valores paisaxísticos e faunísticos do corredor medio ambiental do Miño así como o centro de interpretación deste espazo natural, o CTIA-RM, situado na illa de Fillaboa.
O vídeo conta con locución, banda sonora, imaxes da zona do tramo internacional do río Miño e gráficos e printers. Tivo unha versión sen locución de arredor 60 segundos e outra versión con locución dunha duración de 4 minutos. O vídeo foi deseñado e elaborado en galego con subtítulos en castelán e portugués e foi optimizado tamén para as redes sociais. Os vídeos contan con imaxes terrestres e aéreas, estas últimas tomadas con un dron Mavic 2 zoom.
O traballo forma parte do proxecto “Río Miño: Un destino navegable”, seleccionado polo programa de cooperación Interreg V A España – Portugal (POCTEP), cofinanciado por FEDER.
No proxecto transfronteirizo, con ámbito de actuación en Galicia e o Norte de Portugal, ademais da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, participaron Turismo do Porto e Norte de Portugal, E.R. e a Axencia do Turismo de Galicia.
O proxecto ten como obxectivo poñer en marcha a xestión compartida do espazo Rede Natura 2000 do Baixo Miño/Río Minho e aproveitar a existencia de patrimonio cultural e natural de alto interese turístico no val do Miño Internacional, asociado á especificidade da fronteira, convertendo ese potencial turístico nunha vantaxe competitiva fronte a outros destinos.