Restauración da ribeira da ZEC Río Tea

O proxecto buscou promover a recuperación ambiental e paisaxística dun dos lugares máis emblemáticos do concello de Mondariz que se atopaba altamente alterado o que supuña unha perda de valor ambiental e de uso público da área.

Para acadar estes obxectivos, procedeuse á eliminación dos elementos que motivaban esa alteración, isto é:

  • A cuberta de bloques de formigón cos que se cubriu a antiga praia de area fluvial.
  • A cuberta plástica colocada sobre os bloques de formigón cando estes se amosaron incompatibles co uso tradicional da área como praia pola incomodidade que estes supuñan.
  • A eliminación do valado que limita a extensión da praia e provocaba a perda de area ao cambiar a dinámica da sedimentación nos procesos de inundación invernal.

 

1. Instalación dunha barreira verde para controlar e restaurar a erosión na ribeira.

Tiñan comezado unha serie de procesos erosivos no extremo da área de actuación. Estes procesos supuñan un grave risco de alterar o conxunto da ladeira polo que era necesario actuar para frear e recuperar a ribeira. Para tal fin estableceuse unha franxa de empalizada viva que freou a erosión e estabilizou o pé da ladeira. Empregáronse estacas duns 5 cm de diámetro de Salgueiros locais para a estrutura que logo de prender constituíron unha revexetación da zona afectada. Entre eles situouse unha malla de vimbios para logo encher de terra local creando a barreira verde. Neste substrato novo implantáronse estaquiñas de salgueiro para favorecer a suxeición destes aportes.

 

2. Retirada de bloques de formigón da praia natural.

A ribeira do lugar do Ceo caracterizouse pola presenza dunha pequena praia fluvial froito do predominio dos procesos sedimentarios naturais. Esta praia tiña un uso importante no verán como zona de recreo. Coa idea de “mellorar” as condicións naturais nun momento dado a praia foi cuberta cunha capa de bloques de formigón. A actuación consistiu na retirada da totalidade deste cuberta. O entullo resultante foi tratado por un xestor autorizado. O volume total de entullo foi de 180 m3.

 

3. Retirada do valado de formigón que limitaba a praia natural.

Co fin de limitar o acceso á praia por parte de vehículos nun momento dado instalouse un valado de formigón chapeado de pedra. Este estrutura no beira de inundación contribuíu a limitar a sedimentación de area nos procesos de crecidas invernais. A súa retirada contribuíu a recuperar a superficie de areal que se viu diminuída dende a súa instalación. Para controlar o acceso de vehículos a praia instaláronse posteriormente unha seria de rondinos de madeira tratada que non tiñan o efecto reseñado como barreira e limitante da libre circulación das augas e sedimentos. Retiráronse 15 m3 de entullo que foron tratados por un xestor autorizado.

 

4. Por último instalouse un valado de madeira tratada en autoclave para exteriores para mellorar a seguridade da área de lecer asociada a praia fluvial.

O proxecto beneficiouse dunha subvención en base as axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.
O proxecto, incluíuse no nas actividades subvencionables, que sinala a concesión de axudas para actuacións dirixidas á preservación dos hábitats ou ecosistemas naturais e seminaturais.

Ano

2018

Tipoloxía

Tipoloxía

Concello de Mondariz

630 61 95 84

ecoplanin@gmail.com

Tercio de Afora nº9
36204 Vigo

Ecoplanin xestión e información ambiental S.L. · Todos os dereitos reservados