Actuación Integral en árbores senlleiras

O proxecto desenvolveuse no “Castiñeiro da Ribeira” situado no concello de A Mezquita, provincia de Ourense. A árbore (Castanea sativa) ten unha idade aproximada 500 anos; unha altura duns 25 metros; un perímetro normal duns 11 metros; e un diámetro de copa duns 20 metros

O proxecto tivo como obxectivos:

  • Realización de estudo do estado da árbore.
  • Actuacións de formación e control da copa necesarias.
  • Accións encamiñadas á conservación e mellora do contorno.
  • Actuacións de sinalización e interpretación da singularidade e interese do castiñeiro.

 

Realizouse un estudo VTA (Visual Tree Assesement) para valorar o estado da árbore previo ás podas de mantemento de limpeza de polas secas, con roturas e en mal estado. Empregouse o método de trepa, para acceder as pólas de maior altura. Unha vez arriba retiráronse as pólas secas, en mal estado e con risco de roturas, realizando os cortes correctamente para facer o mínimo dano posible á árbore, e tratando de manter o seu porte natural.

Procedeuse á colocación de ancoraxes dinámicos tipo Cobra nas pólas con maior risco de caída sobre os camiños próximos para garantir a seguridade da árbore con respecto a roturas. Este tipo de dispositivos aportan seguridade á árbore, posto que aínda que se desprenda algunha das pólas con ancoradas, estas nunca caerían ó chan, diminuíndo o risco dos visitantes. Con este sistema non se cablean tódalas pólas, senón que se seleccionan as de unión débil, con mala inserción ou con problemas de sobrepeso actual ou futuro.

Por último procedeuse ao biotriturado dos restos vexetais froito das podas (os de diámetro inferior a 8 cm).

Procedeuse a descompactación do terreo con lanza neumática Air spade, para favorecer a aireación do solo que mellorará a absorción de materia orgánica, e a respiración que tamén se produce nas raíces. Tras a descompactación, procedeuse ao aporte de biotriturado para mellorar a textura do solo ademais de aportar materia orgánica á árbore.

Para a sinalización da situación desta árbore senlleira colocouse un sinal de estrada para indicar o mellor acceso a ela.

Tamén se instalou un panel interpretativo sobre a árbore, a súa idade e relación con fitos históricos e a singularidade que deu lugar a súa inclusión pola no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

O proxecto beneficiouse das axudas para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións senlleiras de Galicia.

Ano

2008

Tipoloxía

Tipoloxía

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Xunta de Galicia

630 61 95 84

ecoplanin@gmail.com

Tercio de Afora nº9
36204 Vigo

Ecoplanin xestión e información ambiental S.L. · Todos os dereitos reservados